O Club Náutico Umia denuncia a redución da súa subvención municipal e o abandono das instalacións e do río Umia en Caldas de Reis
A entidade alerta de que o recorte de máis do 15 % aprobado o 8 de outubro, xunto á falta de melloras na caseta e ao estado do río, prexudica a actividade deportiva e a canteira local.
O club pide ao Pleno municipal que reverta a minoración da axuda e que se acometan as melloras pendentes nas instalacións sen enfrontar disciplinas deportivas.
Caldas de Reis, 24 de novembro de 2026. — O Club Náutico Umia fai pública a súa preocupación e malestar ante a decisión adoptada polo Concello de Caldas de Reis o pasado 8 de outubro, pola que se reduciu en máis dun 15 % a subvención nominativa correspondente ao exercicio de 2026, e reitera a necesidade urxente de intervir tanto nas instalacións do club como na situación do río Umia ao seu paso pola vila.
Segundo expón a directiva da entidade, a minoración da achega —que o club vincula ao acordo do 8 de outubro e á súa reasignación a outras iniciativas deportivas— prodúcese tras anos cunha axuda municipal conxelada e nun contexto de encarecemento dos custos operativos, incluído o combustible para desprazamentos.
Desde o Club Náutico Umia sinalan que apoian o fomento do deporte base e do deporte feminino, mais consideran que este impulso debería articularse mediante incrementos orzamentarios ou modificacións de crédito, e non restando recursos a entidades consolidadas que representan a Caldas en competicións estatais, como a Liga de 2ª División Nacional de Caiac Polo.
O club denuncia igualmente que non recibiu comunicación previa sobre este recorte e que tampouco foi convidado á recente Feira do Deporte, a pesar de ser unha entidade histórica de Caldas de Reis. Así mesmo, lembra que leva máis de quince meses agardando compromisos vinculados á mellora da caseta —como contar con iluminación eléctrica, auga corrente e mantemento da contorna— e que as condicións actuais do espazo dificultan o traballo diario e a captación ou consolidación da canteira.
A este escenario súmase o estado do río Umia, onde a proliferación da alga Egeria densa e as condicións do leito impiden na actualidade desenvolver con normalidade a práctica deportiva no tramo caldense, obrigando o club a desprazar adestramentos e actividade fóra do municipio para manter a súa dinámica competitiva.
Por todo elo, o Club Náutico Umia solicita formalmente:
1. A reversión do recorte na subvención do club a través do Pleno municipal, buscando fórmulas orzamentarias que apoien o conxunto do deporte base sen prexudicar entidades activas.
2. A publicación ou aclaración dos criterios técnicos que xustificaron a redución da achega.
3. Un plan de mellora urxente e con prazos para a caseta e as instalacións utilizadas polo club, así como unha maior implicación institucional fronte ao deterioro do río Umia e ao mantemento da actividade deportiva na vila.
4. O club pide ao Pleno municipal que reverta a minoración da axuda aprobada só cos votos do BNG e que se acometan as mellores comprometidas polo tenente alcalde.
O Club Náutico Umia agradece o apoio recibido noutras instancias administrativas e da veciñanza, e reitera a súa disposición a dialogar e colaborar para que o caiac polo e o río Umia teñan o trato e as condicións que merece o deporte en Caldas de Reis.